26/07/13

Publicado 00:00 por con 0 comentarios

Día de Galicia... do sentimento galego

Remata o Día de Galicia, hoxe quizais máis, o día no que estar máis orgulloso de ser galego.

Un día como hoxe o pobo galego demostrou que non nos gusta destacar, estamos aí, para o que fai falla, e poñendo aos descoñecidos por diante do noso ben.

Heroes anónimos son:
  • Os profesionais sanitarios, bombeiros e diferentes colectivos que, a pesares das cambadelas sufridas, van aportar o seu gran de area, para iso lles gusta a súa profesión e para iso viven día a día.
  • Os que se esquecen das súas vacacións e se presentan, aos que un axuste de persoal os deixou na casa e non o dubidan en acudir, aos que non lles importou que a súa quenda remataba nese momento e seguiron - Os veciños do lugar, que non pensaron en máis que dar todo o seu para axudar, abrindo camiños para socorrer aos que máis o necesitaban no momento, por estar alí agardando toda a noite, por se nalgún momento facía falla máis axuda.
  • Os que foron doar, que foron dar un pouco de si, o pouco co que podían axudar dende a distancia. Ateigando os puntos habilitados para a recollida de sangue, fose a hora que fose.
  • Os enfermos que solicitaban a alta voluntaria para deixar camas libres. Os hostaleiros que ofrecían acubillo aos familiares e persoas que o necesitan neste momentos. Os que puxeron as súas casas e os seus medios para unha atención rápida.
  • Os que se achegaron e nos informaron dende a distancia, compartindo calquera dato que axudase ás vítimas, familiares, amigos. Quizais esta información nos fixo un pouco máis impotentes ao resto, o sentimento de non poder estar alí e axudar.
  • Mención á CRTVG, por ser o punto de información inmediato e dende a distancia. O seu labor vai por diante. Terían os seus erros, puideron equivocarse no tratamento dalgunhas imaxes, pero a noticia era esa, e iso te ías atopar, quixeras ou non. Estar a pé do accidente, e ter que termar dun micrófono e dunha cámara para relatar os feitos, o que está acontecendo ás túas costas non é doado.
  • E, a pesar de non ser crente, pero si respectuoso coa relixión, mencionar aos cregos e clérigos, polas misas e vixilias, dando ese apoio para os seus fregueses que o necesitaban e se aferran a esa fe para ir adiante.
Grazas a todos eles. Fixestes grande Galicia, e máis no seu día.

PD. Agora quen teña que abrir os ollos que os abra.

http://www.facebook.com/enfeitizador/posts/10200998458836957